Friday 03 de May de 2024

Novo obradoiro municipal para familias con adolescentes


Reducir os conflitos e mellorar a convivencia no entorno familiar obxectivo deste novo obradoiro do Programa Familias Inquedas.

Ao largo do mes de abril vanse iniciar 3 novos obradoiros dentro do Programa de Familias Inquedas. O primeiro deles será o de “Acompañando na adolescencia” a proposta que se fai dende a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade para as familias con fillos e fillas entre 11 e 17 anos de idade, empadroadas no Concello de Oleiros.

A explosión emocional que se produce na etapa da adolescencia, unha etapa vital no crecemento das persoas, na que se configura a personalidade e a identidade, precisa dun acompañamento por parte das familias.

O obxectivo deste obradoiro é dobre: contribuír a un mellor desenvolvemento dos rapaces e rapazas, con maior seguridade e autonomía, así como a previr os conflitos contribuíndo a un maior benestar en todos os fogares.

A proposta está baseada na comunicación no violenta, o respecto, a igualdade, a confianza, a empatía e a educación emocional, reforzando o vínculo entre as familias e os seus fillos e fillas.
O obradoiro será impartido por Sara Vierna, de Almas Meraki, educadora con ampla experiencia no traballo con adolescentes e familias, en temas de igualdade, educación emocional, sexualidade e tecnoloxías.

Este obradoiro é totalmente gratuíto e vaise desenvolver nas instalación municipais de Villa Etcheverry en Perillo, ao largo dunha sesión intensiva, de mañá e tarde, o sábado 15 de abril e en catro sesións posteriores de dúas horas, de 18:00 a 20:00 h, os martes 28 de abril, 4, 11 e 18 de maio.

O número de prazas para este obradoiro é de 15 persoas, por orde de inscrición, que se farán a través da web municipal www.oleiros.org na sede electrónica dentro do catálogo de trámites.